Tuesday 17 de September de 2024

O Concello de Ribeira esixe solucións ‘inmediatas’ no edificio propiedade da Sareb 


O Concello de Ribeira volverá solicitar á entidade Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria ‘Sareb’ que proceda de maneira urxente ao desaloxo dos okupas que tomaron ilegalmente posesión dun edificio da súa propiedade, situado na rúa Xosé Ramón Barreiro.
Desde que o inmoble foi ocupado, Concello e veciñanza denunciaron reiteradamente os problemas que afectan gravemente a convivencia e a seguridade das Avesadas. Entre os inconvenientes reportados inclúense actos de vandalismo, ruído constante durante horas nocturnas, acumulación de residuos e situacións que derivaron en ameazas e violencia.

Ante esta situación, o actual goberno local despregou os mecanismos ao seu alcance como mediar e buscar unha solución dialogada conseguindo que un dos okupas abandonara o edificio, procedeuse ao reforzo da Policía Local con tres axentes no último ano e fíxose un informe por parte de Servizos Sociais sobre vulnerabilidade para facilitar que a Sareb poida proceder ao desaloxo e venda do edificio.

Dende o Concello de Ribeira considérase que a responsabilidade directa de actuar recae sobre a entidade propietaria do inmoble e debe actuar con celeridade para poñer fin a estes episiodios que provocan malestar e inseguridade na veciñanza.
“Preocúpanos profundamente o benestar da cidadanía. Recibimos múltiples queixas e é imperativo que esta situación se resolva de inmediato”, declarou o alcalde Luís Pérez. “Imos reiterarlle á Sareb que cumpra coa súa obrigación como propietario e tome as accións legais necesarias para devolver a normalidade á comunidade”. Ademais diso, o rexedor incidiu en que seguirá esforzándose para que o edificio poida destinarse a parque público de vivenda e poder, desta maneira, ampliar a oferta de alugueiros asequibles para a veciñanza ribeirense.

Dende o Concello de Ribeira reafirman o seu compromiso coa legalidade e continuarán buscando medidas que permitan solventar esta problemática e prestarán toda a colaboración ás demais Administracións para garantir que se restableza a tranquilidade nas Avesadas.